Novas
VOLTA A ESPAÑA: DE NOVO, MOITA PRESENZA DO XACOBEO GALICIA EN CARREIRA
Ezequiel Mosquera remontou un posto na última etapa de montaña
[ 18/09/2008 ] A Volta concedeu a última oportunidade aos escaladores na decimo novena xornada. Un percorrido de 179,8 quilómetros e un porto de terceira e tres de primeira (Morcuera e dúas veces Navacerrada), con saída en Ávila e meta en La Granja (Segovia). O ciclista de Xacobeo Galicia Ezequiel Mosquera -sétimo clasificado- gañou un posto e sitúase quinto, en detrimento de Robert Gesink (Rabobank). A etapa gañouna Juanjo Cobo (Fuji - Servetto) e Valverde, segundo, cóbrase doce segundos máis en bonificacións con respecto a Samuel Sánchez.

Ezequiel Mosquera
A etapa, fiel á tradición, non achegou grandes cambios á xeral, pero o Xacobeo Galicia volveu ter outra destacada actuación ao meter na escapada máis longa da xornada ao seu corredor Eduard Vorganov, que puntuou en cabeza no primeiro paso por Navacerra e segundo na Morcuera.
Con Gesink descolgado, o grupo do líder avivou o ritmo, dando caza e superando ao trío dianteiro composto por Vorganov, Daniel Martin e Riblón. Na subida a Navacerrada quedaron diante oito ciclistas. No descenso intentou sorprender Samuel Sanchéz e máis preto de meta Ezequiel Mosquera, antes do ataque bo, que lle deu a vitoria a Juanjo Cobo.
Pola súa banda Serafín Martínez afianzou o seu liderado á fronte da clasificación do Sprint Solidario e o domingo estará no podio de Madrid. Outro ciclista do Xacobeo Galicia, David Herrero, gañaba o segundo e último sprint intermedio da etapa.
Por equipos o Xacobeo Galicia foi terceiro na etapa e mantense á fronte da xeral cunha renda de vinte e tres minutos sobre o segundo clasificado Caisse D´Epargne.