Novas
INSPECCIONARÁ MAÑÁ O ÚLTIMO PORTO DA VOLTA 2010
O ciclista do Xacobeo Galicia Ezequiel Mosquera subirá á Bóla do Mundo
[ 15/07/2010 ] Ezequiel Mosquera inspeccionará mañá venres a Bóla do Mundo, último porto do percorrido da Volta a España 2010. O ciclista do Xacobeo Galicia adiantará a viaxe que tiña concertada con motivo da súa participación este fin de semana na Volta a Madrid para recoñecer a dura ascensión deste porto do Macizo Central. Fará a subida con el o seu compañeiro de equipo Serafín Martínez.
(A TVG ten previsto ofrecer imaxes da subida de Ezequiel e Serafin á Bóla do Mundo, maña no espacio deportivo dos informativos das 14.30 horas)

Bóla do Mundo
Ambos estarán acompañados polo manager - director deportivo do Xacobeo Galicia, Álvaro Pino, quen, á súa vez, tomará os apuntes pertinentes sobre as características desta ascensión, que, segundo din, pode dar e quitar a vitoria na edición deste ano da rolda española.
A expedición do equipo galego comezará a subida ás 12.00 horas desde o alto de Navacerrada; é dicir, desde o lugar onde habitualmente finalizaban as etapas da Volta a España que tiñan esta porto da serra madrileña como punto de destino.
A Bóla do Mundo é unha prolongación de dous quilómetros e medio do tradicional porto de Navacerrada. A súa cima sitúase a 2.250 metros nos límites das provincias de Madrid e Segovia, e desde que foi dado a coñecer o pasado 16 de decembro como punto final da vixésima e penúltima etapa da próxima edición da rolda española, atraeu a curiosidade da afección polo decisivo papel que pode desempeñar no desenlace final da carreira.
A Volta vivirá o 18 de setembro de 2010 esta xornada, que comezará en San Martín de Valdeiglesias, localidade da que é natural o ciclista do Xacobeo Galicia Marcos García. Á cima da Bóla do Mundo chegarase logo de cubrir un percorrido de 169 quilómetros, con outros tres portos previos, dous de primeira e un de terceira categoría.