Novas
O XACOBEO GALICIA INSPECCIONOU O NOVO PORTO DA ‘VUELTA’
Ezequiel Mosquera: "A Bóla do Mundo pode deparar unha xornada de ciclismo espectacular"
[ 16/07/2010 ] O Xacobeo Galicia, aproveitando o desprazamento para participar na Volta a Madrid este fin de semana, recoñeceu o porto da Bóla do Mundo. Trátase da última achega montañosa da serra madrileña á Volta a España, que será estreada en competición oficial o 18 de setembro na penúltima xornada da rolda española.
Fotos subida 'Bola del Mundo'

En plena ascensión
Os ciclistas encargados de realizar a ascensión foron Ezequiel Mosquera, David García, Serafín Martínez, Marcos García e Delio Fernández. A subida do quinteto foi supervisada por Álvaro Pino, manager - director deportivo do equipo galego, e foron testemuña do feito as cámaras da Televisión de Galicia.
A ascensión consta de 2,5 quilómetros desde a cima do alto de Navacerra, a través dunha pista estreita con firme dun conglomerado de formigón e grava, que non pode ser asfaltada por estar situada nun parque natural. Os coches non poden acceder, a non ser cun permiso especial.
Os cinco ciclistas coincidiron en sinalar que ese apéndice de 2.500 metros a partir da cima de Navacerra fai da Bóla do Mundo un porto
"moi determinante" para o desenlace da Volta.
Ezequiel Mosquera engadiu:
"Antes as etapas que finalizaban en Navacerra non achegaban grandes cambios á xeral. Este final na Bóla do Mundo si que pode ter unha influencia decisiva. Pero é que ademais, con Madrid tan cerca, pode deparar unha xornada de ciclismo espectacular, pola cantidade de xente que pode acudir a presenciar o final de etapa en directo".
Os ciclistas do Xacobeo Galicia, tratando de buscar similitudes, comentaban:
"É un final parecido a Xorret do Catí, ata é posible que as ramplas non cheguen a alcanzar a pendente de porto alacantino, pero o firme é moito máis rugoso, abórdase como continuación a unha subida de trece quilómetros e as súas ramplas están situadas a dous mil metros de altitude, polo que se acusará moito máis e pode marcar diferenzas decisivas".