Novas
REMATA OS CAMPIONATOS CUNHA PRATA E UN BRONCE
Nelson Oliveira, subcampión de Europa sub 23 de fondo na estrada
[ 18/07/2010 ] O ciclista do Xacobeo Galicia Nelson Oliveira proclamouse subcampión de Europa sub 23 de fondo na estrada, nunha competición que se disputa por seleccións e que se celebrou esta tarde en Ankara (Turquía) sobre un percorrido de 175 quilómetros. A nova promesa do equipo profesional galego quedou a un segundo do polaco Pawel Gawronski, novo campión da modalidade, e segue cultivando galardóns ao máximo nivel internacional entre os novos talentos do ciclismo mundial.

Nelson Oliveira
Oliveira tamén conseguira o pasado venres a medalla de bronce en contrarreloxo, modalidade na que tamén é actualmente en subcampión do Mundo, e a finais de xuño fixérase, así mesmo, co campionato de Portugal por terceiro ano consecutivo. Antes, en marzo quedara segundo na primeira proba da Copa de Europa das Nacións para menores de 23 anos.
Na máxima categoría o mozo corredor luso tamén veu deixando na súa primeira tempada constancia dunha madurez ciclista impropia da súa idade, como o confirma o sexto posto na xeral do a Volta a Baviera, a carreira por etapas máis importante de Alemaña.
"O meu agradecemento a todos os compañeiros da selección portuguesa, que realizaron un gran traballo, permitíndonos cumprir cos plans previstos", dixo Nelson Oliveira. O ciclista do Xacobeo Galicia, segundo recolle a web
jornalciclism.com, tamén tivo palabras de eloxio para o gañador: "Felicito ao corredor polaco (Gawronski), porque foi moi forte. Intentei batelo no sprint pero non me foi posible".