Novas

DISPÚTASE DO 4 AO 15 DE AGOSTO

O xacobeo Galicia mira á Volta a Portugal con renovadas ambicións

[ 29/07/2010 ] O Xacobeo Galicia quere mirar con renovadas ambicións cara á Volta a Portugal, que comezará o 4 de agosto cun prólogo de 5,5 quilómetros na localidade de Viseu. As restantes etapas desenvolveranse na metade norte do país, atendendo, talvez, ao maior poderío económico da zona en tempos de crises; fóra da última, porque a edición 72 da Volta a Portugal concluirá en Lisboa.

Volta a Portugal

Volta a Portugal

Etapa 4

Etapa 4

Etapa 5

Etapa 5

Etapa 7

Etapa 7

A rolda lusa, do mesmo xeito que as clásicas do Norte, require mentalización. Ata que non cambiou de mentalidade, o ciclismo español naufragou por completo nese tipo de carreiras. O cambio vén imposto, xeralmente, pola necesidade. As clásicas do norte de Europa eran un recheo, ou un compromiso, no calendario dos equipos españois, que podían sobrevivir deportiva e publicitariamente cos seus logros no calendario español.

O ciclismo actual é máis global e iso podemos consideralo como unha sorte ou unha oportunidade. Esta condicionado polos medios. A tradición conta, pero a televisión conta máis. Os orzamentos son máis altos que outrora e os intereses comerciais das empresas tamén atravesan fronteiras. Neste aspecto o ciclismo é un vehículo publicitario moi axeitado, porque ofrece un gran impacto internacional a uns custos moi razoables.

Non podemos pecharnos nós mesmos as portas, reducindo o interese do calendario a unhas determinadas carreiras. A mentalidade do ciclismo nese aspecto non se abriu seguramente o suficiente. Probas con moito potencial son as que xorden nos países ciclistas emerxentes -sirva de exemplo a Volta Turquía-, cuns medios e unha difusión que supera a moitas carreiras Pro Tour. Pero este tipo de competicións, no subconsciente do ciclismo máis tradicional, aínda son de recheo.

Con esa mentalización, téndese a infravalorar os resultados deportivos; en consecuencia, reláxase a intensidade competitiva e, en definitiva, pérdense oportunidades no plano colectivo (equipo) e no individual (ciclistas). Con todo, ao mesmo tempo, somos capaces de admirarnos dos éxitos do automobilismo, tenis, motociclismo e outros deportes, conseguidos na propia Turquía, en Malaisia, Bombai, Qatar ou Cancún.

A Volta a Portugal é unha competición con cobertura televisiva en directo de alcance internacional; no plano deportivo, non pode considerarse unha competición menor, tendo en conta que dos dezasete equipos que presenta, once son estranxeiros; e que os portugueses incrementaron moi considerablemente o nivel dos seus cadros de corredores. A desaparición de moitas escuadras concentrou a calidade en só cinco equipos continentais, reducidos en número de efectivos, pero sólidos no deportivo.

O Xacobeo Galicia ten nesta carreira un amplo abanico de opcións, desde loitar polo podio na clasificación xeral, ata buscar a camisola dos máis novos, á que poderán optar os ciclistas nacidos a partir do 01/01/1987; é dicir, Nelson Oliveira, e aínda que en fase de adaptación, en principio tamén Aser Estévez. E todo o equipo poderá loitar polos triunfos parciais que ofrecen as súas once etapas, ademais de clasificacións secundarias.

Na relación de favoritos para a 72 edición da Volta a Portugal, os medios portugueses sitúan en primeiro lugar ao galego, do Palmeiras-Resort, David Blanco, que ten a oportunidade de alcanzar os catro triunfos que posúe Marco Chagas, deixando atrás a Alves Barbosa e a Joaquim Agostinho, quen actualmente o igualan a tres vitorias.

A nómina de adversarios máis directos ao podio que se atoparán os ciclistas do Xacobeo Galicia amplíana David Bernabéu (Barbot-Siper), Santiago Pérez (Loulé-Louletano), Cándido Barbosa (Palmeiras Resort), Emanuele Sela, Sergio Pardilla (CarmioOro-NGC), Patrik Sinkewitz e Pidgornyy (ISD-Neri), o reaparecido Andrey Kashechkin (Lampre) ou Ángel Vicioso (Andalucía - Caja Sur).


Imprimir Enviar


© Fundación Ciclismo Galego

Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?